lunes, 27 de abril de 2015

Saímos no xornal.


Unha pequena reseña da nosa actividade no xornal La Voz de Galicia do pasado mércores, 22 de abril.



Durante a ruta... unha de cantigas populares!

Durante a saída ó rego dos muíños demos con este letreiro con coplas de cantigas populares que fan alusión aos muíños. Algunhas xa as coñecíamos grazas ás gravacións dos informantes que nos mandáchedes, e as outras incorporarémolas ao noso repertorio.


En breve publicaremos os audios que gravamos na clase para que podades disfrutar das cantigas que aprenderon os alumnos e alumnas. Estade atentos!!!

domingo, 26 de abril de 2015

Saída ó Rego dos Muíños


Este martes, en relación co Plan Proxecta, saímos ó Rego dos Muíños. 
Vimos cómo funciona un muíño, as partes que ten...
Demos un pequeno paseo, repuxemos forzas cunha saborosa merenda e acabamos a saída coas actuacións d@s nen@s do colexio, que interpretaron cantigas, acompañad@s polo mestre Martín, que tocou a gaita e a pandeireta.
Pasámolo moi ben!!!

Saída ao Rego dos muíños (21 de abril).

Este martes disfrutamos dun percorrido polas terras de Borneiro a Canduas cruzando o sendeiro do Rego dos Muíños. Comezamos na parte alta  e mentres camiñabamos entre aquela marabillosa paisaxe iamos poñendo un letreiro co nome dos muíños para que todos os camiñantes os coñezan.



Aquí tendes ao alumnado de sexto, en pleno esforzo de colocación de cartelas:



Muíño de Daniel


Muíño de Chaparro



 Muíño de Generosa


Muíño de Vidreiro


Muíño de Leiro


Muíño de Jorge e Plaia


Muíño Vello


Muíño de Marroco


Muíño de Loureiro



Muíño de Bellotas


Muíño de Mouzo


Muíño de Tras dos Ríos


Muíño de Brañeira


Muíño de Ferreiro





Case ao remate da nosa camiñada, visitamos o Muíño de Ferreiro, un dos poucos que aínda lles funciona a súa maquinaria, a pesar de que durante moitos anos moeu día e noite. O seu dono, moi amablemente explicounos como traballa e as partes que o compoñen.

Ollade este vídeo:




Unha mañá tan estupenda non podía rematar doutro xeito que facendo unha festiña. Todos os cursos prepararon co mestre de música unhas coplas alusivas aos muíños e uns bailes.  Que ben o pasamos ao son da pandeireta e da gaita!
Mirade que artistas!


martes, 14 de abril de 2015

Unha regueifa...

Un dos xéneros da música tradicional con máis arraigo nesta zona son as regueifas. Trátanse de cantares de desafíos sobre unha melodía de alalá pero con diferentes letras, a miúdo con contidos burlescos ou de mofa. Nas regueifas unha persoa canta contra outra. Eran comúns nas vodas e ás veces tamén se disputaban no baile (danza da regueifa ou molete) onde a muller bailaba cun bolo de pan sobre a testa.

Esta é unha regueifa recollida no voso concello:

A regheifa está na mesa.
Era de pan barolento.
Ronda, queridiña, ronda
Ronda que pérde-lo tempo.

A regheifa está na mesa.
Era de pan barutado
que o barutou a novia
coas caínzas do carro.

A regheifa é bonita.
Era de pan de senteo.
O muíño que a muíu
non ten rodisio nin beo.


jueves, 9 de abril de 2015

Unha noite no muíño,
outra na pedra do lar,
esta vida miña soghra
eu non a podo levar.

Xa te andabas alabando
polos muíños moendo.
que te casabas comigo,
eso si, onde eu morrendo.

Entrar mozos para adentro
que fóra vai moito frío.
Teño medo que vos caia
o pelico do recío.

A muiñeira riscada,
a muiñeira riscada,
non hai cousa máis bonita
que baila-la puntiada.


martes, 7 de abril de 2015

... esa sí que é muiñada!




Ide preparando as vosas gorxas, botade man de calquera instrumento que teñades (as palmas tamén valen) e moita alegría que... É TEMPO DE MUIÑAR!!!

Coa entrada do novo trimestre comezamos xa a traballar coas cantigas que recibimos. Moitas grazas pola vosa colaboración. Iremos publicando neste blog as diversas coplas que fan alusión aos muíños e moitas outras recollidas no voso concello. Estade atentos! Comezamos!



Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa si que é muiñada.


lunes, 6 de abril de 2015

Lendas e documentos

LENDAS E DOCUMENTOS

Antigamente realizábanse contratos que daban dereito a facer uso dalgúns muíños de Cabana de Bergantiños. Aquí aparece unha copia dun destes contratos, cedida pola familia de dous alumnos do centro, que data do ano 1875 e que fai referencia ao permiso para moer no chamado muíño do Roncadoiro.




O alumnado de 4º EP recolleu algunhas lendas que teñen moito que ver coa auga, as fontes e tamén os muíños de Cabana de Bergantiños,